Sunday 07 de July de 2024

O Concello reclama á Xunta que non elimine frecuencias de autobús no norte do municipio


A acertada decisión de estender ata as localidades de Dexo e Lorbé a liña de transporte público B-9 que finaliza en Mera, resulta insatisfactoria ante a decisión da Xunta de Galicia de eliminar os horarios das liñas que ían ata Sada –agás o de primeira hora da mañá-. Con esta nova situación, os sábados, domingos e festivos os veciños e veciñas de Breixo, Mera, Dexo e Lorbé non terán bus para ir á Coruña ata as 9.35 horas e o último para regresar será o das 20:35.

Desta maneira, cáusaselle un grave prexuízo ás persoas que traballan as fines de semanas, que non disporán de servizo nin para ir aos seus traballos nin para regresar ás súas casas. Igualmente resulta insuficiente que o último bus de regreso da Coruña sábados, domingos e festivos saia ás 20:35 horas.

O Concello reclamará á Xunta que subsane esta situación. Non se pode pretender que a cidadanía empregue o transporte público se non existen unhas frecuencias axeitadas e acordes ás necesidades reais da cidadanía.

Desde o pasado sábado, a liña B9 que finalizaba en Mera estendeu o seu percorrido ata Lorbé, pasando pola estrada xeral ata O Cubo, desviándose nese punto pola avenida Jiménez Herrero e incorporándose posteriormente á estrada xeral en Lorbé, finalizando o seu percorrido na Valexa. Os horarios son os mesmos que tiña a liña ata o de agora.

Tamén se creou unha nova liña con partida Lorbé e destino Sada, con saídas cada hora.

Deja un comentario